Escrita polo dramaturgo estadounidense David Auburn. Recibiu os premios Tony e Pulitzer de teatro. Estrenouse en Broadway o 23 de Maio de 2000 no Manhattan Theatre Club. Acadáronse as 917 funcións. Levada ao cinema en 2006 como La verdad oculta, dirixida por John Madden.

Sinopse
Proof preséntanos a Catherine, unha moza universitaria que abandona os estudos para coidar do seu pai, Robert, xenial matemático duns 50 anos que sofre un tipo de esquizofrenia. Catherine cre ter herdado do pai non só o talento matemático, senón tamén a certeza de sofrir a mesma enfermidade. Cando Robert morre, un dos seus doutorandos, Hal, adícase a revisar os papeis do profesor na procura dalgún resultado inédito. Claire, irmá maior de Catherine, regresa á casa paterna para organizar o funeral e, de paso, a vida da inestable e deprimida Catherine. Hal atopa un caderno coa demostración dun teorema matemático do máis alto nivel, o que obriga aos personaxes a “demostrar” os seus verdadeiros sentimentos.
Personaxes
- Catherine: 25 anos. Universitaria que abandona os estudos para cuidar do seu pai, do que tamén pensa ter herdado a súa xenialidade para as Matemáticas e a súa inestabilidade mental.
- Robert: Nos 50. Pai de Catherine. Matemático famoso que sofre unha longa enfermidade mental ata a súa morte.
- Hal: 28 anos. Matemático, pupilo de Robert.
- Claire: 29 anos. Irmá de Catherine. Vive e traballa, como axente de divisas, en New York.
Esparzo-tempo na obra
A obra transcorre integramente na solaina da casa de Robert e Catherine, en Chicago. Está estruturada en dous actos de catro e cinco esceas, respectivamente. Un par de saltos ao pasado no segundo acto permiten ao público descubrir a realidade de cada personaxe.
Contidos matemáticos
Os diálogos da obra están pragados de referencias explícitas ás Matemáticas: teoría de números, números primos, lóxica, historia das Matemáticas… Pero tamén se tratan outros aspectos mais xerais, mais non por iso menos importantes: a marxinación da muller nas Matemáticas, a posible relación entre locura e xenialidade, o uso de drogas para impulsar a creatividade, o factor da idade no proceso creativo, o estereotipo social do matemático, en que consiste o talento matemático, as Matemáticas nos sistemas educativos actuais,etc. Proof xira arredor dunha muller, Catherine, que representa a todas as mulleres matemáticas que ao longo da historia tiveron que superar todo tipo de atrancos para se adicar ao estudo desta disciplina. A obra ten un compoñente reivindicativo do papel da muller na ciencia pero, sobre todo, transmite unha mensaxe inequívoca de igualdade de capacidade creativa, de talento e de orixinalidade no traballo matemático, das mulleres matemáticas cos homes matemáticos.
- Mulleres nas Matemáticas. A marxinación das mulleres na historia das Matemáticas, simbolízase nas referencias a Sophie Germain.
- Tolería e xenialidade. A historia do matemático premio Nobel de Economía, John Forbes Nash, que sofreu unha esquizofrenia da que se recuperou parcialmente, inspira o personaxe de Robert.
- Drogas e creación. David Auburn recoñece ter introducido o asunto das drogas en relación cos matemáticos tras ler o libro O home que só amaba os números, de Paul Hoffman, unha biografía do matemático Paul Erdös.
- Idade e creatividade. O traballo creativo de máximo nivel é só cousa de xente moza, como defende G. H. Hardy no seu famoso libro Apoloxía dun matemático? O condicionante da idade impregna toda a obra e obsesiona aos personaxes.
- Estereotipo do matema ́tico. Hal amósasenos como contrapunto á imaxe estereotipada do matemático: xenial, pero antisocial, illado, estrafalario e despistado para os asuntos mundanos.
- Talento matemático. Que convirte a unha persoa nun matemático brillante? Os ríxidos sistemas educativos das nosas sociedades potencian ou coartan a creatividade?
Para saber mais

David Auburn
- Dave Bayer. Theater review: Proof. Notices of the American Mathematical Society, 47(9):1082–1084, 2000.
- Rob Kirby. Conversations about Mathematics. Notices of the American Mathematical Society, 49(3):333–335, 2002.
- Marie Rose Napierkowski, editor. Proof: A case study. BookRags, Inc., Detroit, 2007.
- Andrea Paolucci. Proof: matematica e nuova drammaturgia. En: Mirella Manaresi, editor, Matematica e cultura in Europa, 331–332. Springer-Verlag Italia, Milán, 2005.
- Mark Saul. The mathematicians’s Proof. Notices of the American Mathematical Society, 48(6):596–597, 2001.
- Daniel Ullman. Movie review: Proof. Notices of the American Mathematical Society, 53(3):340–342, 2006.
- Angelo Vistoli. Un matematico legge Proof. En: Mirella Manaresi, editor, Matematica e cultura in Europa, 333–336. Springer-Verlag Italia, Milán, 2005.
- Miguel Mirás; Carmen Quinteiro. Proof: Una elegante demostración. Reseña 26, abril 2009, na sección Cultura y Matemáticas/Teatro y Matemáticas. DivulgaMAT (Centro virtual de divulgación de las Matemáticas)
A aventura galega de Proof
A nosa proposta consistiu en representar, cun grupo de estudantes de materias de Matemáticas de varias licenciaturas da Universidade de Vigo, a peza teatral «Proof» (Demostración) do dramaturgo norteamericano David Auburn, premiada en 2001 co Pulitzer de teatro. O obxectivo principal desta experiencia foi contribuir á popularización das Matemáticas amosándo aspectos curiosos, divertidos, culturáis e aplicacións á vida cotiá da nosa disciplina que, normalmente, son totalmente descoñecidos pola xente en xeral. Cremos que a nosa experiencia acadou os obxectivos previstos, a saber:
- Contribuír á popularización das Matemáticas.
- Divulgar aspectos matemáticos ó público non especializado.
- Experimentar co teatro como instrumento docente.
- Presentar material científico-matemático en lingua galega.
- Utilizar as posibilidades que brindan as Matemáticas, principalmente a súa historia e os seus personaxes sobranceiros, para fins de tipo social: igualdade, discriminación…

Cómpre mencionar outro aspecto destacado da nosa proposta como é o feito de representar unha obra de difusión internacional como Proof por primeira vez en galego. A tradución da obra orixinal foi levada a cabo por Miguel Ángel Mirás Calvo e Carmen Quinteiro Sandomingo e publicada polo Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo en 2010.
Citada en: Matematicalia (Revista digital de divulgación matemática). DivulgaMAT (Centro virtual de divulgación de las matemáticas). Duvi (Diario da Universidade de Vigo. Martes, 19 de outubro de 2010).
Grupo de traballo
A actividade foi coordinada polos profesores do Departamento de Matemáticas.
- Manuel Besada Moráis
- Francisco Javier García Cutrín
- Miguel Ángel Mirás Calvo
- Carmen Quinteiro Sandomingo
O elenco, formado por estudantes da Universidade de Vigo, foi:
- Aroa García González (2° Química): CATHERINE
- Marta González Lagunilla (2° Química): CLAIRE
- Pablo Lores Lareo (2° Química): HAL
- Miguel Quiroga Bóveda (2° Química): ROBERT
- Aránzazu Atanes Barciela (3° RR.LL.): CATHERINE
- Xandra Lorenzo Montes (2° Química): APUNTADORA

De esquerda a dereita: Manuel, Aránzazu, Pablo, Miguel Quiroga, Sandra, Marta, Miguel Mirás, Aroa, Carmen e Javier.
Participaron na creación dos decorados un grupo de estudantes de primeiro de Química. Tamén debemos resaltar a inestimable colaboración de Manuel López Iglesias na montaxe do decorado e a iluminación.
Representacións
Celebramos un total de 6 representacións. A obra presentouse en diferentes cidades de toda Galicia: Santiago de Compostela, Ourense, Porriño, Pontevedra e Vigo. Actuamos tanto en recintos universitarios como en locais pertencentes a asociacións culturais e veciñais. O cartel anunciando as funcións foi deseñado por Francisco Iglesias Sandomingo.

- A estrea, o día 21 de maio de 2008 ás 18:30 no Teatro da Cidade Universitaria do Campus de Vigo. Asistiron 80 persoas.
- O día 30 de maio de 2008 ás 18:30 no salón de actos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Asistiron 60 persoas.
- O día 26 de outubro de 2008 ás 18:00 na Asociación Cultural A Forna de Budiño, O Porriño. Asistiron 80 persoas.
- O día 7 de novembro de 2008 ás 20:00 na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela. Asistiron 70 persoas.
- O día 14 de novembro de 2008 ás 19:00 na Sala Multiusos do Edificio de Ferro no Campus de Ourense. Asistiron 20 persoas.
- O día 23 de novembro de 2008 ás 19:00 na Asociación Veciñal de Navia en Vigo. Asistiron 90 persoas.
Patrocinio e financiación
Para financiar a actividade solicitamos e recibimos axudas de diversos organismos e institucións:
- Axuda correspondente as accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica (Diverciencia) no marco do Programa de comunicación e sensibilización social (CCS) do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Incite) para o ano 2008. Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
- Vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Vigo.
- Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo.
- Facultade de Químicas da Universidade de Vigo.
- Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.
- Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela no marco das celebracións do 50 aniversario da Licenciatura de Matemáticas da USC.
- Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo como parte da programación da Intercultural.
Difusión
- Faro de Vigo (20 de maio de 2008): «Enigma matemático sobre el escenario».
- DUVI Vigo (21 de maio de 2008): «Un grupo de estudantes estrea a adaptación da obra «Demostración” para achegar as matemáticas á sociedade».
- Atlántico diario. Suplemento Universitas (29 de maio de 2008): Entrevista con Carmen Quinteiro Sandomingo.
- DUVI Pontevedra (29 de maio de 2008): «Unha adaptación da obra «Demostración” achega as matemáticas á sociedade».
- Faro de Vigo (30 de maio de 2008): «Estudiantes de Químicas y Relacións Laborais ponen en escena la obra «Demostración»».
- La Voz de Galicia (30 de maio de 2008): «Teatro con Matemáticas».
- La Voz de Galicia (31 de maio de 2008): «Teatro con Matemáticas en Belas Artes».
- La Voz de Galicia (12 de novembro de 2008): «La Ciencia con chocolate, entra».
- DUVI Ourense (5 de novembro de 2008): «Teatro, cine e actuacións musicais encherán o campus na II Intercultural».
- Os actores participaron no programa «Efecto Nova» da cadea de radio Ondacero.
- Apareceron reseñas en varios periódicos gratuitos: 20 minutos, El Foro Metropolitano,… e no folleto Mais Apuntes.